sábado, 21 de noviembre de 2015

As moedas na historia da miña familia.


Xa manifestei noutra entrada a miña paixón pola numismática, así que nesta decidín falar sobre a historia das moedas e relacionala coa miña historia familiar describindo como ían os meus antepasados á compra. Para esta tarefa tomei man da miña colección de moedas. As situacións que describo a continuación son ficticias e as datas, sobre todo dos antepasados mais lonxanos, pode que non se axusten coa realidade xa que son aproximacións feitas a partir de cálculos matemáticos e suposicións.


13 de febreiro de 1801
Mentres en España se firma un tratado que catro anos despois terá unha importante repercusión na nosa historia, en Vilalba (Lugo) o meu 6º avó Antonio Bocelo foi comprar o pan cun par de maravedís.
  • Material: Cobre



1 de xaneiro de 1820
Novo ano, novo réxime. Tras celebrar o Aninovo meu 5º avó vai comprar pan como todos os días, cun par de maravedís no peto.
  • Material: Cobre
  • Ceca: Xubia




27 de setembro de 1868
O meu 4º avó Antonio Seoane Bocelo vai comprar o pan e na man leva unhas moedas coa cara dunha raíña que non volverá a reinar en España.
  • Material: Cobre
  • Ceca: Xubia


12 de agosto de 1898
España perde unha illa algo mais ao oeste das Canarias, pero a preocupación do meu tataravó Andrés Cordal Díaz non é esa, senón que é ir comprar o pan, coas pesetas que leva, para celebrar o nacemento do seu fillo.
  • Material: Plata
  • Ceca: Madrid


27 de abril de 1937
A Guerra Civil está en pleno auxe, pero a xente segue coas súas vidas e o caso do meu bisavó José Fraga Calaza non é diferente pois ese día, coma todos, foi comprar o pan cunhas poucas pesetas que levaba na carteira.
  • Material: Níquel
  • Ceca: Viena

2 de setembro de 1945
Miña avoa Lucía Fraga Crodal vai comprar o pan coas pesetas que leva no moedeiro e mentres tanto, ao outro lado do mundo, ponse fin ao maior conflito bélico da historia.
  • Material: Aluminio
  • Ceca: Madrid


11 de xullo de 1982
España é a anfitrioa nunha final que non xogará. Ese día miña nai é a encargada de ir comprar o pan, cunhas moedas cun motivo especial.
  • Material: Níquel
  • Ceca: Madrid



21 de novembro de 2015
Todos están impacentes por ver os dous interesantes partidos que nos ofrece esta xornada da Liga BBVA. Chegados a este punto, pensaredes que vos direi que hoxe fun buscar o pan. Pois non fun buscar o pan, foi meu pai e na moeda coa que pagou non aparecía ningún rei, aparecía Mozart.
  • Material: Níquel e latón
  • Ceca: Viena

 Aquí deixo un enlace á miña árbore xenealóxica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario