viernes, 6 de noviembre de 2015

Visita ao Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba


A pasada fin de semana fun  a casa dos meus avós, en Goiriz, e de paso aproveitei para facer unha visita ao Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba.
Neste pequeno museo hai unha magnífica colección de restos que abarcan dende o Neolítico ata a época dos romanos, ordeados cronoloxicamente e clasificados en diferentes tipos. Trátase dun museo que fai un percorrido de miles de anos a través do tempo.
Aquí non so apreciaredes as ferramentas que utilizaban os nosos antepasados, xa que estas veñen acompañadas por unha serie de carteis explicativos onde nos podemos informar sobre como se construían, como se utilizaban, para que servían e o contexto no que se empregaban acompañados de ilustracións que che axudaran a entendelo . Ademais na entrada poderás coller un panfleto informativo en galego, castelán ou inglés.
O museo está formado por cinco bloques. O primeiro e o segundo tratan sobre o Neolítico e mais o inicio da época castrexa. O terceiro e o cuarto están dedicados aos castros. E por último, no quinto bloque atoparedes unha exposición de temática romana.
A pesar de que todo o museo conta cunha excelente exposición, o quinto bloque suscitou o meu interese, polos anacos de cerámica, os restos arquitectónicos e especialmente, as moedas antigas, xa que son un apaixoado da numismática.
Recoméndovos esta visita se queredes descubrir algo máis sobre o tema, porque axudaravos a comprender moito mellor como era a vida, as tradicións e os costumes  dos nosos antepasados. 
Aquí podedes ver as imaxes do museo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario